domingo, 21 de octubre de 2012

Marcha pola Documentación informativa


RESUMO

Este documento consiste nun breve percorrido polo mundo da Documentación informativa. Profundizaremos neste concepto, faremos unha viaxe pola súa historia, estableceremos os seus principios, as súas funcións, e a súa finalidade como instrumento. Referirémonos tamén ó papel que xoga a Documentación informativa con respecto ó xornalista e ós medios de comunicación,  e falaremos das características da información na actualidade dende o punto de vista documental. Para rematar, reflexionaremos sobre o papel da Documentación no novo escenario, a Internet.  En definitiva, trátase dun pequeno traballo de investigación e de documentación co que fixaremos unhas ideas básicas acerca desta disciplina.

PALABRAS CLAVE

Paul Otlet, arquivo, ordenar, conservar, información documentada, sobrecarga informativa, xornalista/documentalista.

INTRODUCIÓN

Os primeiros antecedentes da documentación atopámolos no século XVIII, cando xorden os os  arquivos de prensa iniciais en Gran Bretaña e Alemaña co obxectivo de acumular artigos aparecidos noutros medios para a súa reimpresión ou de elaborar un arquivo dos propios exemplares ou das necrolóxicas.
A orixe dos servizos de documentación está estreitamente relacionada coa preparación de necrolóxicas, en especial co momento no que este tipo de informacións se comezaron a acompañar con material gráfico.
Posteriormente, xurdiu  tamén a necesidade de contar cun breve esbozo biográfico, que acompañase ao retrato do falecido.
A introdución da documentación no xornalismo anglosaxón a partires de 1850 coincidiu con diversos factores: o impulso económico dado pola empresa xornalística en Inglaterra e os EE.UU, o afán por ofrecer información de maior calidade, e o dinamismo provocado polo sector da comunicación a raíz da difusión do telégrafo. O interese documental xurdiu tamén da vontade por autorizar a información, por verificala e, ó mesmo tempo, por dar prestixio e calidade ó medio. A seguinte etapa no desenvolvemento dos servizos de referencia correspóndese coa elaboración de índices temáticos e de autores, destinados a multiplicaren as posibilidades de recuperación da información. Fúndase así no ano 1851 o New York Times e o seu departamento de documentación (la Morgue), que comeza a confeccionar e publicar un índice do xornal.
Deste xeito, a necesidade de contar con documentación fiable non se limitou unicamente á redacción de notas necrolóxicas, senón que se trasladou a outros contidos informativos dos diarios. Isto foi posible grazas á existencia de arquivos de recortes, que recopilaban e seleccionaban información sobre todo tipo de sucesos e temas.
A partires de 1950, a extensión da práctica documental e o desenvolvemento interno dos centros de documentación xornalística tiveron o seu reflexo no crecemento desmesurado dos arquivos de prensa, o que provocou problemas de xestión, relativos tanto á clasificación e preservación, como á recuperación do material almacenado. Todo isto fixo inevitable a incorporación da  mecanización na cadea documental.  A microfilmación, as primeiras bases de datos, as primeiras memorias ópticas… xurdiron neste contexto.

CONCEPTO

O proceso documental preséntase como proceso complementario do proceso informativo e ocupa un lugar destacadísimo, xa se trate da documentación que recupera a información científica producida polos saberes informativos, xa se trate da documentación que recupera as fontes para elaborar novas infomacións no dominio do traballo informativo nos medios de comunicación social.
Cada autor ten a súa propia perspectiva. Algunhas son as seguintes:
Marques de Melo considera a Documentación como  “a ciencia que estuda o proceso de recoller e clasificar informacións  orixinais a fin de tornalas accesibles para a elaboración de novas informacións”.
O profesor José López Yepes, considera que o proceso documental é un proceso informativo, pois reúne os elementos propios do emisor, da mensaxe, do receptor, etc. Pero é un proceso recuperador a partir da información previamente conservada e analizada.
Segundo Nuria Amat, chamamos documentación ó proceso de reunir documentos sobre un tema determinado e ó tratamento deses documentos para a súa difusión precisa, exhaustiva e inmediata.
Para Paul Otlet, teórico clave nas orixes da conceptualización da ciencia da Documentación, esta é a ciencia dos documentos, pero tamén a ciencia auxiliar de toas as ciencias, porque as súas actividades facilitan o desenvolvemento desta, ordenando os materiais e facilitando o acceso a eles por parte dos científicos.


           PRINCIPIOS

Os principios da Documentación do traballo informativo son os seguintes:

-Principios teleolóxicos: Marcados polos obxectivos fundamentais da información xornalística (a veracidade informativa e a súa intelección por parte do destinatario). 

  •  Principio verificativo: é a causa orixinaria fundamental da actividade documental xornalística, polo cal esta se orienta cara a consecución da verdade informativa.
  •  Principio explicativo: é causa final específica da actividade documental xornalística. Axuda á intelección da verdade informativa mediante a valoración e a potenciación do carácter aclaratorio dos textos e referencias cuxa veracidade se comprobou e completou.
  • Principio editorial: constitúe unha perspectiva subxectiva das anteriores e reúne dúas dimensións: a ideolóxica (liña editorial do medio) e a formal.
-Principios formais e circunstanciais: A razón de ser da documentación está no seu posterior uso, polo que é necesario determinar a utilización futura das fontes; hai ademais circunstancias que restrinxen a documentación.
  • Principio de perdurabilidade: razón formal da actividade documental xornalística, que tende a fixar a utilidade futura e o grado de permanencia de textos e referencias.
  •  Principio de adecuación funcional: regra metodolóxica na actividade documental xornalística, pola cal esta se orienta ao tratamento específico que precisa cada tarefa e medio documental, de acordo coa súa natureza e a función que realiza.
  •  Principio limitativo: supón o conxunto de circunstancias reais da actividade documental xornalística, que limitan o seu exercicio (localización, ámbito de difusión, tipo de publicación, periodicidade…).

CARACTERÍSTICAS DA INFORMACIÓN DE ACTUALIDADE

A información de actualidade non é un conxunto multiforme de feitos puntuais sen relación entre sí, senón un complexo entramado de causas e efectos constituído polo reflexo das actividades políticas, económicas, sociais e culturais do home. As noticias non xorden da nada, senón que teñen antecedentes e consecuencias. Unhas noticias relaciónanse con outras e dunhas derivan outras. Isto implica que a función dos medios de información non sexa simplemente dar noticias, senón ofrecerlle ao lector a información documentada, na que cada noticia sexa vista en función das súas relacións co resto da información de actualidade. A información documentada é unha información investigada, explicada, precisa e, por tanto, obxectiva. Agora ben, a documentación atopa obstáculos, como a presión do tempo (a hora de peche límite nos medios de comunicación), o exceso das fontes documentais e a sobrecarga de información que obrigan a diferenciar entre o que vale e o que non vale. 

As principais características da información de actualidade dende a perspectiva do traballo documental son expostas por Amat e Blasco:

1.- Coincidencia episódica: as mesmas noticias son ofrecidas por todos os medios diarios nas mesmas datas, así coma nas revistas xerais nas súas datas de publicación e nos espazos informativos no diario dos medios audiovisuais. A causa é a dependencia dos medios das axencias.

2.- Redundancia cíclica: a actividade xornalística céntrase na cobertura dos feitos contemporáneos. Como a actividade humana é recurrente, o tratamento dado a esta cobertura tamén o é. Determinados acontecementos teñen unha frecuencia diaria (a Bolsa), outros semanal (reunión do consello de ministros), outros mensual (o IPC), trimestral (grandes operacións de tráfico) ou anual (os óscars de Hollywood). Isto fainos previsibles para a documentación.

3.- Efecto Mateo: uns poucos personaxes polarizan o interés dos medios e aparecen nomeados en moitas noticias mentras que moitísimos personaxes aparecen citados polos medios poucas veces, co conseguinte desequilibrio para o tratamento da información relativa ás persoas.

4.- Multiplicidade de soportes: teletipos, noticias impresas, comunicados de prensa, gravacións radiofónicas, materiais visuais e audiovisuais.

5.- Fragmentación da mensaxe: as mensaxes informativas transmítense fragmentadas polo ritmo de captación dos acontecementos diferente ao da publicación ou edición dos medios. 

6.- Documentos compostos: textos con fotografías e gráficos, por exemplo, plantexan dificultades de organización documental e de deseño das ferramentas de recuperación documental.

7.- Ley do mínimo esforzo: a presión do tempo coa que se acostuma traballar vai proporcional ao decaemento de respostas e tratamentos da información elaborados.

8.- Estratificación de usuarios e usos: trabállase para usuarios moi diferentes na súa especialización e nos seus obxectivos.

9.- Relatividade do significado: os documentos xornalísticos cambian o seu significado en distintos contextos e admiten interpretacións diversas por parte dos usuarios. Isto fainos polivalentes. Na información audiovisual isto é especialmente significativo: así uns planos de recurso gravados nuns laboratorios de investigación farmacolóxica poden servir para unha noticia sobre a SIDA.

Poderiamos engadir unha última característica do discurso informativo: a omisión. Os textos xornalísticos omiten sempre información, voluntaria ou involuntariamente, e isto debe ser tido en conta polo documentalista que debe facelos perdurables a longo plazo, pois algunhas omisións son detectables no momento.



            FUNCIÓNS


A Documentación informativa conta cunhas funcións básicas:
§  A verificación da exactitude da información e corrección de datos: problemas ortográficos, dúbidas idiomáticas, precisión nas datas,etc.
§  Contextualización ou utilización de datos complexos, cronoloxías, dossieres temáticos…capaces de apoiar a información á que servirán como complemento, interpretación, síntese ou comentario.
§  Apoio visual da información, referíndonos con isto a fotografías, gráficos, mapas…No caso da documentación televisiva, empregaríamos planos recurso.



           FINALIDADE


A documentación é a disciplina que se encarga da selección, análise, recuperación e difusión dos documentos co obxectivo de poder facilitar información ós usuarios. A documentación na práctica é:

-Saber buscar.

-Saber identificar.

-Saber seleccionar.

-Saber clasificar.

Segundo Paul Otlet, os fins da documentación son:  

-Analizar, xeneralizar, ordenar e sintetizar a información contida nos documentos e ao tempo promover novas investigacións destinadas a profundizar os porqués teóricos de certas experiencias.

-A elaboración dunha serie completa de formas documentais na que se reúnan todos os datos do pensamento científico dende un simple catálogo, por exemplo, ata documentos máis complexos coma grandes coleccións, tratados e enciclopedias.

-Facer progresar todo aquilo que tende cara unha exposición metódica e racional dos coñecementos e das información prácticas.

-Con todo o anterior, provocar e espertar no conxunto da comunicade científica o desenvolvemento de ideas e inventos que poden servir como punto de partida das transformacións profundas da sociedade.

CENTRO DE DOCUMENTACIÓN NUN MEDIO: Funcións, características e fins

A cadea documental e a súa aplicación á documentación xornalística

Un Servizo de Documentación Xornalística ten como obxectivo recoller, analizar e posibilitar o acceso e recuperación de toda aquela información e documentación que resulte necesaria para dar soporte á tarefa cotidiana nos medios.
Debe estar organizado e responder ás preguntas dos usuarios dunha forma rápida e pertinente.

No primeiro eslabón da cadea informativa está a entrada. Agrupa tres operacións fundamentais: selección, adquisición e rexistro.
-Selección: elíxense os documentos , pasando por un control de calidade e cantidade.
-Adquisición: compra.
-Rexistro: ferramenta de control que permite saber o número total de documentos que constitúen o fondo dun Servicio de Documentación e a orde de entrada dos mesmos.

No segundo eslabón atopámonos co tratamento e coa análise.
Consiste en aplicar a análise documental a todas as unidade documentais (cada unha das fontes de información) que forman o fondo do Servizo de Documentación. O proceso consiste en elaborar referencias documentais (é dicir, a representación de cada unha das unidades documentais), para que con elas se constrúan unha serie de produtos, coma os catálogos ou as bases de datos, que permitirán a difusión da información e o acceso ós documentos.

O terceiro eslabón correspóndese co procesamento técnico. Componse de dúas fases: ordenación (a cada unidade documental pónselle unha etiqueta coa signatura topográfica única para ela, de modo que permita identificala e ordenala) e almacenamento e conservación (proceso consistente en gardar de forma óptima os documentos orixinais e os produtos resultantes da análise. Este proceso variará en base ó soporte no que actuemos).

O cuarto eslabón correspóndese coa saída da información.
O obxectivo fundamental dunha Cadea Documental é difundir a información contida nun fondo documental e permitir a súa recuperación. Contaremos para isto con diferentes instrumentos, coma os catálogos, as bases de datos ou os índices.

Os medios de comunicación de masas son instrumentos básicos de difusión. Deben informar de forma veraz e obxectiva a un público variado e amplo, e son o instrumento por excelencia que permite situar e analizar no seu contexto os feitos que acontecen na historia.
As informacións forman un fondo documental moi valioso que debe ser ordenado e tratado, posto que a información está dispersa, utilizando as técnicas documentais máis axeitadas, de modo que poida satisfacer a demanda dos usuarios pero tamén de xornalistas, investigadores, estudosos… De todo o público que precise desa información.
O xornalista, principal usuario dos servizos de documentación nos medios de comunicación, necesita información para acceder aos temas con profundidade.
Existen tres funcións ou finalidades principais dos servizos de documentación dos medios de comunicación:

                -Proporcionar fontes concretas para poder comprobar de maneira rápida un feito ou dato.
                -Ter materiais suficientes para poder situar os temas no seu contexto.
                -Actuar como fontes de inspiración:
                               -Datos concretos sobre un tema ou para a súa verificación, información complementaria para ampliar ou crear temas…

A DOCUMENTACIÓN E A INTERNET 

A incorporación de Internet como ferramenta fundamental nos medios de comunicación e o nacemento do ciberxornalismo está vinculada coa Documentacion informativa. É necesario neste novo escenario adaptar a documentación nos procesos de traballo da redacción, rutinas que nalgúns casos seguen sendo as mesmas (seleccionar, producir e difundir información), pero que noutros se modifican pola utilización de Internet como fonte ou como medio de comunicación.
Por outro lado, é a oportunidade dos servizos de documentación para saír do formato tradicional e proporcionar novas ferramentas que satisfagan as necesidades informativas, e que reivindiquen un papel máis activo dentro do medio. É necesario que dalgún xeito ese servizo ofrecido de Documentación se vexa recompensado ou sexa valorado.
Estamos ante unha simbiose entre o papel do documentador, como evaluador, rastrexador, e o redactor, como intérprete e narrador da realidade. Esta fusión daría lugar a un xornalismo moito máis exacto.

MAPA CONCEPTUAL COAS IDEAS BÁSICAS

 


          
BIBLIOGRAFÍA


LÓPEZ YEPES, José. La influencia de Otlet en la Documentación española (Aportaciones a la formación del pensamiento documentario español). Madrid: Revista General de Información y Documentación, 1994. Vol. 4, Nº 2.

Del Valle Gastaminza, Féliz. “La Documentación en la empresa informativa”. [en línea]. Universidad Complutense de Madrid
<http://www.ucm.es/info/multidoc/prof/fvalle/tema14.htm>

Rubio Lacoba, María. “Nuevos tiempos para la documentación informativa en el periodismo digital: viejas y nuevas funciones del servicio de documentación digital”. [en línea]. Universidad de Navarra
<http://www.unav.es/fcom/comunicacionysociedad/es/articulo.php?art_id=70>

Fuentes i Pujol, Mª. Eulàlia. Manual de documentación periodística. Madrid, Síntesis, 1995.

Amat y Blasco: “Factores condicionantes de las operaciones documentales en los medios de comunicación”, Revista española de documentación científica, nº2, vol.19 (1996), p. 182-202).